sábado, 4 de junio de 2011

AFONDANDO NAS ORIXES

   "Estampas de Cambre. Os traballos e os días" é un traballo de investigación de Ramón Boga Moscoso, impulsor e director do Museo Arqúeolóxico e do Xacemento Romano de Cambre e un gran coñecedor da historia do municipio; os seus traballos de investigación e as súas iniciativas na recuperación do patrimonio histórico-artístico e etnográfico son innumerables.
   Neste libro, Ramón Boga fai un relato da historia do concello que se remonta ao Neolítico e que, pasando pola instalación de diferentes culturas (os castrexos, os romanos, o mosteiro), chega ata a etapa de industrialización do concello nos anos 60 e 70. Ata entón as iniciativas industriais eran principalmente empresas familiares do sector artesanal que non eran capaces de acoller os excedentes de man de obra agrícola que remataba por emigrar.
   As industrias máis importantes que se tiñan instalado en Cambre ata o "desarrollismo" dos anos 60-70 tiñan relación ou coa forza da auga ou coa madeira.
   Os Muíños de Cambre ao paso do río Mero por Arrigada, que xa aproveitaban a forza da auga nos séculos XIII e XIV -cando o prior do Mosteiro de Cambre os aforaba a diversos veciños-, foron o lugar no que o seu propietario, Miguel Molezún, nos últimos anos do século XIX, instalou unha fábrica de papel de estraza. En 1918 mércaos José Naya que establecer neles unha fábrica de fariñas e pronto, diversificando a industria, instalou unha dinamo para a produción de enerxía eléctrica que sería o inicio de "Hidroeléctricas del Mero S.L.". Nos anos 50, os muíños cambiaron de propietarios ata que en 1962 foron mercados pola fábrica de piensos "Norgasa" que segue en activo.
Fábrica de fariñas de José Naya (1918)

   No que respecta ao outro sector, o da madeira, ao longo do concello había varios serradoiros que contaban xeralmente co seu propio equipo para talar e trasladar as árbores; entre estes serradoiros atopábase o dos irmáns Cubeiro, na ponte de Galiñeiros, trasladándose pronto a Arrigada, onde se situaba a estación do tren de Cambre e de onde saían para A Coruña as caixas de madeira para arenques que fabricaban un total de once empregados ademáis dos tres irmáns Cubeiro, José, Manolo e Basilio. Corrían os anos 50, o serradoiro tiña un equipo de "fragueiros" que acodían ao monte onde cortaban as árbores previamente mercadas aos seus propietarios. Conta Ramón Boga o desgraciado feito da morte de Manolo Cubeiro, un dos irmáns propietarios, e de Lucio, o chófer da empresa cando no camión da empresa e transportando unha carga de toradas de madeira foi arollado polo tren.
   O traslado a Arrigada, preto do río, para poder seguir aproveitando a enerxía hidroeléctrica coincidiu cunha diminución drástica de caixas de madeira para a salazón dos arenques e co inicio dunha nova etapa produtiva: os separadores de baterías. Unha circunstancia que dá idea do empuxe de Basilio Cubeiro (pai) foi que estas pezas necesitaban ser impermeables para cumprir coa súa función, e Basilio, de maneira autodidácta, conseguiu idear un proceso de cocción das lamias de madeira nunha mestura que incluía sustancias tan perigosas como o sulfúrico ou a sosa cáustica.
   Neses anos, Basilio fillo, Basilio César, comezou a súa andaina na vida e no mundo da madeira; para esa historia remítovos á miña entrevista con el que encontraredes máis abaixo.

O xermolo de Madeiras Cubeiro: Antonia Cubeiro (a nai)
con José, Manolo, Isidora e Basilio Cubeiro

Traballadores de Madeiras Cubeiro no aserradoiro de Galiñeiros ,1947
"Fragueiros" cortando unha grosísima árbore, década dos 50


1 comentario: