jueves, 19 de mayo de 2011

BASILIO CÉSAR CUBEIRO FILLO

   No ano 1972, Cambre era unha vila de pouco máis de 1.000 habitantes, capital dun concello de pouco máis de 7.000 habitantes marcadamente agrícola, con  funcións comerciais e industriais de tipo artesanal. Nese contexto, Basilio César Cubeiro, xunto co seu pai e un primo funda   Molduras del Noroeste S.L., unha iniciativa empresarial no campo da industria pioneira en varios aspectos. A localización típica das industrias neses anos era a do extrarradio urbano, arredor do cal vivían en barrios de nova construción xente chegada dun medio rural que xa non ofrecía posibilidades. Moitos cambreses, precisamente, nutrían de efectivos a este extrarradio industrial, principalmente ao de A Coruña, en menor medida xa nestes anos ao de outras capitais europeas. E César Cubeiro, un xoven de 22 anos, de Guísamo, que aspirara o “serrín” da madeira dende neno, xunto co seu pai, madereiro, e un primo construiron o que rematou nun gran proxecto industrial máis aló do extrarradio, ofrecendo oportunidades diferentes ás tradicionais.
   Para afondar no tema, nada mellor que falar co propio Basilio César Cubeiro, fundador da empresa, que se brinda dende o primeiro momento a manter unha entrevista. Cóntame como foron os inicios. En 1946 o pai de Basilio tiña un aserradeiro na Ponte de Galiñeiros, na parroquia de Cecebre, moi preto de onde máis tarde se fixo o encoro. Alí facían sobre todo “tabales” caixas de madeira para os arenques, por entón o pescado en salazón era a maneira máis común de conserva de este produto. En 1953 a empresa trasládase a Arrigada, na parroquia de Cambre, a escasos 800 m do concello e empezan a facer separadores  para  baterías de automoción, fabrican entón para empresas españolas e europeas con marcas moi coñecidas (Tudor, Varta, …). Un novo traslado da empresa a Cela, en 1964, na parroquia do mesmo nome, pero moi preto de Cambre (non máis 1 km) para fabricar portas planas e mosaico e os inicios de Basilio na empresa constitúe a fase embrionaria de Molduras.
   Setembro do ano 1972 marca o comenzo da iniciativa; unha vez conseguidos os permisos  oportunos, empézase a construír o edificio que albergará as instalacións da industria na localidade de A Barcala, moi pretiño de Cambre, na estrada que vai ao Temple. Basilio ten tantas gañas de empezar esta nova aventura que mesmo axuda nalgúns traballos da construción. E en maio de 1973 empeza a produción. O capital inicial é familiar, do propio Basilio, do seu pai, dun primo e da súa tía, non contando con axudas públicas. Fabrican carpintería industrial de interiores para vender a almacenistas e construtores de toda España. Comenzan con sete empregados, pero rapidamente aumentará a plantilla.
   Co tempo a produción vai evolucionando e se convirten no primeiro fabricante galego de molduras e créase a marca “Frisonoble”, que se empeza a fabricar en “kit”. En 1983, amplíanse as instalacións e ante a falta de saída do “kit” empezan a facer friso vernizado. A calidade da produción fai que as ventas aumenten, a empresa ten por entón unha rede de distribución que permite servir pedidos a toda a Península Ibérica, Baleares e Canarias en tan só seis días.
   Con pequenos cambios na titularidade da empresa -falece o pai de Basilio, a tía vende a súa parte e entra o irmán de Basilio na sociedade, e pasando por diversas fases na produción, en 1995, o alcalde de Cambre proponlle a Basilio o traslado da empresa ao Polígono de Espíritu Santo, pero Basilio négase porque non quere que a parcelación que determina un polígono industrial  impida unha posible expansión da empresa.
   Entre os criterios empresariais de Basilio está a diversificación da carteira de clientes. Fabrican para Leroy Merlin e outros dsitribuidores de produtos para o bricolaxe. Particularmente os primeiros pídenlle que produza máis para eles, pero Basilio fiel ao criterio de diversificar négase, considera que a produción da súa empresa non pode estar determinado pola demanda dun só cliente.
   En 2006, as ventas baixan un pouco, pero a empresa con preto de 100 traballadores de planta, máis persoal de seguridade e de administración e chóferes mantense sen problemas nos parámetros. Fabrícase un produto ignífugo moi novedoso que asegura a presenza no mercado.
   E aparece un comprador, C.I.P., un grupo empresarial encabezado por Carlos Mouriño,  presidente do Celta, con inversións en construción e industria. Basilio non ten moitas gañas de vender, ofrecen unha cantidade e pide o dobre. Finalmente, entre unha cantidade e outra, Basilio e os seus socios, en maio de 2007, venden tras un longa negociación na que o comprador admite unha serie de esixencias relativas ás condicións laborais do persoal entre as que figuran a blindaxe dos 10 ou 12 máis cualificados.   
   Basilio amosa en todo momento unha gran calidade humana, cando falas con el, ves que é unha boa persoa, un empresario preocupado polo futuro dos traballadores. Fala dos seus empregados con familiaridade, procurou sempre dar traballo á xente de Cambre, coñeceu persoalmente a todos os empregados da empresa familiar. Antes da constitución de Molduras del Noroeste S.L., nas empresas que montou o seu pai había algún obreiro-campesiño; despois xa non.
   Molduras del Noroeste, co a súa evolución posterior, coincidiu no tempo co final do éxodo rural en Cambre e co proceso de urbanización da capital do concello e de expansión contraurbana de moitos espazos que non estaban dentro do núcleo e participou na vida cambresa dunha maneira fundamental, activándoa e dándolle un impulso que foi seguido por outras iniciativas.
   A situación actual da empresa, con nova titularidade, será obxecto dunha próxima entrada.
   Ata entón.

Cambre nos anos 60

MADEIRA DE FUTURO

   Molduras del Noroeste S.L. é unha empresa situada en Cambre que fabrica revestimentos de madeira para paredes, teitos e tarimas, comercializando os seus productos por medio de varias marcas rexistradas, algunha delas moi coñecida como é o caso de Frisonoble.
   Fundada en 1972, ten unha importante introdución nos mercados nacionais, nos portugueses e nos de Europa meridional. A facturación en 2008 superou os 12 millóns de €.
   Molduras del Noroeste ten unha páxina web moi completa na que se presenta como un grupo empresarial que, ademáis da calidade e da excelencia na súa produción, destacan as políticas de innovación e medioambiental. Para comprobalo, podedes visitar a súa páxina web, na que entre outras informacións, permítome aconsellarvos que neste enlace, pinchedes en "El futuro de los bosques madereros"  http://www.grupomolduras.com/index.htm.