miércoles, 8 de junio de 2011

FALTA O INTERROGANTE NO TÍTULO?

   Pregúntome se o título do blog debería levar interrogante:  Madeira de futuro?
   A resposta non é fácil, a actual coxuntura económica é complicada; as industrias buscan localizacións nas que o beneficio sexa o máximo; o menor investimento en capital forza de traballo ou, máis prosaicamente, en man de obra, é un dos camiños que se seguen; inestabilidade e precariedade laboral, deslocalización, falta de integración da empresa no tecido social son as consecuencias da globalización.
   Falo con dous traballadores de Molduras, din que non se queixan, pero que a situación é complicada; levan máis de vinte anos na empresa e viviron dous ERES nos últimos anos, baixada de soldos e un evidente distanciamento da dirección da empresa. Añoran os tempos da empresa familiar, "o xefe berraba, pero pagaba ben; agora trátannos ben, pero a redución do soldo e a incerteza están presentes".
   Mentres a familia Cubeiro permaneceu ao frente, Molduras del Noroeste patrocinou diferentes iniciativas sociais no concello (o Clube Ciclista de Cambre chamábase Cambre Frisonoble), actividades culturais e ata axudou a familias con necesidades.
   Actualmente, os obxectivos son outros, o capitalismo triunfa a calquera precio!!!
  

domingo, 5 de junio de 2011

UNHA VISITA Á FÁBRICA

   Cando chego ás oficinas de Molduras del Noroeste S.L. recíbeme Marta Aldao, do persoal administrativo que me presenta a Francisco Alonso, xefe de produción, que me vai guiar na visita ás instalacións.
   No edificio de oficinas, ademáis da recepción, están os despachos do departamento de calidade, do de ventas, a sala de xuntas e outras dependencias administrativas; pero Francisco Alonso vaime ensinar a produción.
   No edificio principal, na planta baixa están as molduradoras e as lixadoras nas que se fabrican as pezas que logo se comercializarán; todos os equipos está automatizado e neles os operarios teñen que ir introducindo os perfiles de madeira e retiralos unha vez feitos, tamén comproban a calidade das molduras feitas na busca de posibles defectos. Ademais na planta baixa da nave principal están as máquinas vernizadoras, a rusticadora ou unha máquina que localiza os defectos que pode ter unha peza e os repara.
   Na planta superior están as dúas liñas de tinguido da madeira, son dúas cadeas totalmente automatizadas nas que os operarios controlan a alimentación e os niveis de pintura que se precisan.
   A factoría conta cun gran almacén no que se coloca o produto listo para ser servido aos clientes.
   Destacables son as medidas de seguridade con que conta esta nave, con sensores de fume e aspersores que funcionan no caso de incendio. A fábrica conta cunha bomba de auga que abastece de auga ao sistema no caso de incendio.
   Tamén destacan as medidas de protección do medio ambiente, recóllense os restos de vernices e pinturas que se trasladan a un centro especializado, o serrín que se comercializa para granxas de aves, todo se recicla. Chámame a atención un carro con botes de pintura baleiros e aplastados que tamén se reciclan.
   Despois nos acercamos aos secadoiros de madeira, no que grandes pías de listóns secan nunha nave inmensa. Na mesma nave están dúas máquinas cilíndricas moi chamativas, son os autoclaves que impregnan a madeira dun produto que a converte en hidrófuga ou en ignífuga.
   Por último, visito unha instalación particularmente importante na fábrica, é a nave á que van parar todos os serríns que son aspirados nas molduradoras. A nave ten as medidas necesarias para que entre os camións que son cargados cenitalmente.


ACTUALIDADE DA EMPRESA

   Na actualidade, Molduras del Noroeste S.L. é unha empresa integrada no Grupo Corporativo de Inversións G.E.S. con sé en Vigo. O seu presidente, Carlos Mouriño Atanes, vigués, emigrou a México e levantou alí unha importante cadea de gasolineiras (G.E.S.) e integrouse na vida do país charrúa. Retornou a España e fundou este grupo inversor que se dedica fundamentalmente a introducirse no sector industrial e de servizos. En 2007 mercaron Molduras del Noroeste S.L. e, dende entón, teñen continuado coa produción de revestimentos de madeira maciza para paredes e teitos. A súa produción actual sobrepasa os 2,5 millóns de m² de friso e outros 2 millóns de m lineais de complementos en catro marcas comerciais con gran introdución no mercado  que apostan pola calidade e polo respecto ao medio ambiente. En 2009, a facturación da empresa ascendeu a máis de 9 millóns de € e contaba con máis de 80 traballadores. Nas políticas de empresa contémplanse como prioritarios os obxectivos de calidade, I+D+i e medio ambiente. Os certificados de calidade AENOR e AITIM e os de xestión ambiental PEFC e AENOR Xestión Ambiental responden a esas políticas.
   Frisonoble son revestimentos de madeira de gama alta; Frisolar son revestimentos de madeira en acabado estándar; Chanfora é a tarima tratada para exterior; Natura Color son revestimentos hidrófugos; e, por último, Frisonoble Ignifugado, un produto pioneiro, son revestimentos de madeira para paredes e teitos resistentes ao lume. Todos estes produtos son comercializados a través de empresas do sector do bricolaxe (como por exemplo, Leroy Merlin). Cos produtos ofrécense instrucións para a súa instalación.








UN PASEO POLO TEMPO



AS FASES DA EMPRESA





Pincha sobre a imaxe para ver máis grande o cronograma

Principais fitos:

1945: José, Manolo, Isidora e Basilio Cubeiro, de Guísamo, mercan un aserradoiro en Galiñeiros (Cecebre) e fundan MADERAS CUBEIRO. Alí fabrican caixas de madeira para salar arenques.
1951: Compran unha finca en Arrigada (Cambre), preto da estación do tren, e trasladan alí a empresa. Ante o declive do pescado en salazón, empezan a producir separadores de baterías.
Nun tráxico accidente, morren Manolo Cubeiro e Lucio. o chófer do camión da empresa.
1963: Trasládanse a Cela e comenzan a fabricación de portas e, posteriormente, de parqué.
1972: José, Isidora, Basilio (pai) e Basilio César (fillo) fundan MOLDURAS DEL NOROESTE S.L. Constrúen a primeira nave en A Barcala (Cambre) e comenzan a fabricación de revestimentos de paredes e teitos.
1995: Isidora vende a súa parte; quedan como socios Manolo, Basilio e Jorge Cubeiro (fillo de Manolo).
1999: Amplíase a fábrica. Constrúese o edificio de oficinas e o almacén de ,materia prima.
2007: O grupo inversor G..E.S., do que é presidente o empresario carlos Mouriño merca a empresa.
  

sábado, 4 de junio de 2011

AFONDANDO NAS ORIXES

   "Estampas de Cambre. Os traballos e os días" é un traballo de investigación de Ramón Boga Moscoso, impulsor e director do Museo Arqúeolóxico e do Xacemento Romano de Cambre e un gran coñecedor da historia do municipio; os seus traballos de investigación e as súas iniciativas na recuperación do patrimonio histórico-artístico e etnográfico son innumerables.
   Neste libro, Ramón Boga fai un relato da historia do concello que se remonta ao Neolítico e que, pasando pola instalación de diferentes culturas (os castrexos, os romanos, o mosteiro), chega ata a etapa de industrialización do concello nos anos 60 e 70. Ata entón as iniciativas industriais eran principalmente empresas familiares do sector artesanal que non eran capaces de acoller os excedentes de man de obra agrícola que remataba por emigrar.
   As industrias máis importantes que se tiñan instalado en Cambre ata o "desarrollismo" dos anos 60-70 tiñan relación ou coa forza da auga ou coa madeira.
   Os Muíños de Cambre ao paso do río Mero por Arrigada, que xa aproveitaban a forza da auga nos séculos XIII e XIV -cando o prior do Mosteiro de Cambre os aforaba a diversos veciños-, foron o lugar no que o seu propietario, Miguel Molezún, nos últimos anos do século XIX, instalou unha fábrica de papel de estraza. En 1918 mércaos José Naya que establecer neles unha fábrica de fariñas e pronto, diversificando a industria, instalou unha dinamo para a produción de enerxía eléctrica que sería o inicio de "Hidroeléctricas del Mero S.L.". Nos anos 50, os muíños cambiaron de propietarios ata que en 1962 foron mercados pola fábrica de piensos "Norgasa" que segue en activo.
Fábrica de fariñas de José Naya (1918)

   No que respecta ao outro sector, o da madeira, ao longo do concello había varios serradoiros que contaban xeralmente co seu propio equipo para talar e trasladar as árbores; entre estes serradoiros atopábase o dos irmáns Cubeiro, na ponte de Galiñeiros, trasladándose pronto a Arrigada, onde se situaba a estación do tren de Cambre e de onde saían para A Coruña as caixas de madeira para arenques que fabricaban un total de once empregados ademáis dos tres irmáns Cubeiro, José, Manolo e Basilio. Corrían os anos 50, o serradoiro tiña un equipo de "fragueiros" que acodían ao monte onde cortaban as árbores previamente mercadas aos seus propietarios. Conta Ramón Boga o desgraciado feito da morte de Manolo Cubeiro, un dos irmáns propietarios, e de Lucio, o chófer da empresa cando no camión da empresa e transportando unha carga de toradas de madeira foi arollado polo tren.
   O traslado a Arrigada, preto do río, para poder seguir aproveitando a enerxía hidroeléctrica coincidiu cunha diminución drástica de caixas de madeira para a salazón dos arenques e co inicio dunha nova etapa produtiva: os separadores de baterías. Unha circunstancia que dá idea do empuxe de Basilio Cubeiro (pai) foi que estas pezas necesitaban ser impermeables para cumprir coa súa función, e Basilio, de maneira autodidácta, conseguiu idear un proceso de cocción das lamias de madeira nunha mestura que incluía sustancias tan perigosas como o sulfúrico ou a sosa cáustica.
   Neses anos, Basilio fillo, Basilio César, comezou a súa andaina na vida e no mundo da madeira; para esa historia remítovos á miña entrevista con el que encontraredes máis abaixo.

O xermolo de Madeiras Cubeiro: Antonia Cubeiro (a nai)
con José, Manolo, Isidora e Basilio Cubeiro

Traballadores de Madeiras Cubeiro no aserradoiro de Galiñeiros ,1947
"Fragueiros" cortando unha grosísima árbore, década dos 50


jueves, 19 de mayo de 2011

BASILIO CÉSAR CUBEIRO FILLO

   No ano 1972, Cambre era unha vila de pouco máis de 1.000 habitantes, capital dun concello de pouco máis de 7.000 habitantes marcadamente agrícola, con  funcións comerciais e industriais de tipo artesanal. Nese contexto, Basilio César Cubeiro, xunto co seu pai e un primo funda   Molduras del Noroeste S.L., unha iniciativa empresarial no campo da industria pioneira en varios aspectos. A localización típica das industrias neses anos era a do extrarradio urbano, arredor do cal vivían en barrios de nova construción xente chegada dun medio rural que xa non ofrecía posibilidades. Moitos cambreses, precisamente, nutrían de efectivos a este extrarradio industrial, principalmente ao de A Coruña, en menor medida xa nestes anos ao de outras capitais europeas. E César Cubeiro, un xoven de 22 anos, de Guísamo, que aspirara o “serrín” da madeira dende neno, xunto co seu pai, madereiro, e un primo construiron o que rematou nun gran proxecto industrial máis aló do extrarradio, ofrecendo oportunidades diferentes ás tradicionais.
   Para afondar no tema, nada mellor que falar co propio Basilio César Cubeiro, fundador da empresa, que se brinda dende o primeiro momento a manter unha entrevista. Cóntame como foron os inicios. En 1946 o pai de Basilio tiña un aserradeiro na Ponte de Galiñeiros, na parroquia de Cecebre, moi preto de onde máis tarde se fixo o encoro. Alí facían sobre todo “tabales” caixas de madeira para os arenques, por entón o pescado en salazón era a maneira máis común de conserva de este produto. En 1953 a empresa trasládase a Arrigada, na parroquia de Cambre, a escasos 800 m do concello e empezan a facer separadores  para  baterías de automoción, fabrican entón para empresas españolas e europeas con marcas moi coñecidas (Tudor, Varta, …). Un novo traslado da empresa a Cela, en 1964, na parroquia do mesmo nome, pero moi preto de Cambre (non máis 1 km) para fabricar portas planas e mosaico e os inicios de Basilio na empresa constitúe a fase embrionaria de Molduras.
   Setembro do ano 1972 marca o comenzo da iniciativa; unha vez conseguidos os permisos  oportunos, empézase a construír o edificio que albergará as instalacións da industria na localidade de A Barcala, moi pretiño de Cambre, na estrada que vai ao Temple. Basilio ten tantas gañas de empezar esta nova aventura que mesmo axuda nalgúns traballos da construción. E en maio de 1973 empeza a produción. O capital inicial é familiar, do propio Basilio, do seu pai, dun primo e da súa tía, non contando con axudas públicas. Fabrican carpintería industrial de interiores para vender a almacenistas e construtores de toda España. Comenzan con sete empregados, pero rapidamente aumentará a plantilla.
   Co tempo a produción vai evolucionando e se convirten no primeiro fabricante galego de molduras e créase a marca “Frisonoble”, que se empeza a fabricar en “kit”. En 1983, amplíanse as instalacións e ante a falta de saída do “kit” empezan a facer friso vernizado. A calidade da produción fai que as ventas aumenten, a empresa ten por entón unha rede de distribución que permite servir pedidos a toda a Península Ibérica, Baleares e Canarias en tan só seis días.
   Con pequenos cambios na titularidade da empresa -falece o pai de Basilio, a tía vende a súa parte e entra o irmán de Basilio na sociedade, e pasando por diversas fases na produción, en 1995, o alcalde de Cambre proponlle a Basilio o traslado da empresa ao Polígono de Espíritu Santo, pero Basilio négase porque non quere que a parcelación que determina un polígono industrial  impida unha posible expansión da empresa.
   Entre os criterios empresariais de Basilio está a diversificación da carteira de clientes. Fabrican para Leroy Merlin e outros dsitribuidores de produtos para o bricolaxe. Particularmente os primeiros pídenlle que produza máis para eles, pero Basilio fiel ao criterio de diversificar négase, considera que a produción da súa empresa non pode estar determinado pola demanda dun só cliente.
   En 2006, as ventas baixan un pouco, pero a empresa con preto de 100 traballadores de planta, máis persoal de seguridade e de administración e chóferes mantense sen problemas nos parámetros. Fabrícase un produto ignífugo moi novedoso que asegura a presenza no mercado.
   E aparece un comprador, C.I.P., un grupo empresarial encabezado por Carlos Mouriño,  presidente do Celta, con inversións en construción e industria. Basilio non ten moitas gañas de vender, ofrecen unha cantidade e pide o dobre. Finalmente, entre unha cantidade e outra, Basilio e os seus socios, en maio de 2007, venden tras un longa negociación na que o comprador admite unha serie de esixencias relativas ás condicións laborais do persoal entre as que figuran a blindaxe dos 10 ou 12 máis cualificados.   
   Basilio amosa en todo momento unha gran calidade humana, cando falas con el, ves que é unha boa persoa, un empresario preocupado polo futuro dos traballadores. Fala dos seus empregados con familiaridade, procurou sempre dar traballo á xente de Cambre, coñeceu persoalmente a todos os empregados da empresa familiar. Antes da constitución de Molduras del Noroeste S.L., nas empresas que montou o seu pai había algún obreiro-campesiño; despois xa non.
   Molduras del Noroeste, co a súa evolución posterior, coincidiu no tempo co final do éxodo rural en Cambre e co proceso de urbanización da capital do concello e de expansión contraurbana de moitos espazos que non estaban dentro do núcleo e participou na vida cambresa dunha maneira fundamental, activándoa e dándolle un impulso que foi seguido por outras iniciativas.
   A situación actual da empresa, con nova titularidade, será obxecto dunha próxima entrada.
   Ata entón.

Cambre nos anos 60

MADEIRA DE FUTURO

   Molduras del Noroeste S.L. é unha empresa situada en Cambre que fabrica revestimentos de madeira para paredes, teitos e tarimas, comercializando os seus productos por medio de varias marcas rexistradas, algunha delas moi coñecida como é o caso de Frisonoble.
   Fundada en 1972, ten unha importante introdución nos mercados nacionais, nos portugueses e nos de Europa meridional. A facturación en 2008 superou os 12 millóns de €.
   Molduras del Noroeste ten unha páxina web moi completa na que se presenta como un grupo empresarial que, ademáis da calidade e da excelencia na súa produción, destacan as políticas de innovación e medioambiental. Para comprobalo, podedes visitar a súa páxina web, na que entre outras informacións, permítome aconsellarvos que neste enlace, pinchedes en "El futuro de los bosques madereros"  http://www.grupomolduras.com/index.htm.